Un curso de ciencia, descubrimentos e moita curiosidade
Este curso, o Club de Ciencias converteuse nun espazo onde a curiosidade foi a nosa mellor ferramenta e onde cada pregunta nos levou a descubrir algo novo. Ao longo do ano, o alumnado de Infantil e Primaria achegouse á ciencia dun xeito práctico, manipulativo e divertido, demostrando que aprender tamén é experimentar, observar e sacar conclusións.
SEMANA DA CIENCIA
Un dos momentos máis especiais foi a celebración da Semana da Ciencia, na que toda a comunidade educativa puido participar en diferentes propostas e actividades científicas, fomentando o gusto pola investigación e espertando a curiosidade dos máis pequenos e pequenas.
METEOROLOXÍA
Durante todo o curso tamén levamos a cabo a nosa observación meteorolóxica, rexistrando os cambios do tempo e aprendendo a interpretar os fenómenos atmosféricos. Día tras día, fomos construíndo unha pequena base de datos que nos axudou a comprender mellor o clima da nosa contorna.
EXPERIMENTANDO COS PROXECTOS
Os experimentos acompañaron os diferentes proxectos de aula. No proxecto do corpo humano, descubrimos como late o corazón e a importancia do sistema circulatorio.
Co proxecto da Prehistoria, investigamos a elaboración de tintes naturais, experimentando cos materiais que ofrecía a natureza.Máis adiante, no proxecto das plantas, observamos o seu crecemento en diferentes medios —algodón, terra e outras bases— para comprobar que condicións favorecen a súa xerminación e desenvolvemento.
A CIENCIA NA NATUREZA
Ademais, o noso entorno rural ofreceunos un escenario privilexiado para seguir aprendendo. A natureza converteuse no noso laboratorio ao aire libre mediante saídas de observación da contorna, nas que puidemos identificar plantas e pequenos animais, descubrir a biodiversidade que nos rodea e comprender a importancia de coidar e respectar o medio natural.Para rematar... gustaríanos amosarvos un vídeo que recolle un proxecto de ciencia do 3º ciclo de primaria. O que levaron a cabo foi unha investigación e experimentación sobre as plantas (proxecto do 3º trimestre). Así, por grupos escolleron e realizaron diversos experimentos sobre esta temática, expoñendo a todo o centro a explciación dos mesmos a traves de cartaces, flipbook, infografías...
Todas estas actividades permitiron que o alumnado aprendese facendo, observando, preguntando e compartindo descubrimentos. Máis alá dos contidos científicos, traballamos valores como a cooperación, a curiosidade, o pensamento crítico e o respecto pola natureza.
Queremos agradecer a implicación do alumnado, das familias e de todo o profesorado que fixo posible este Club de Ciencias. Grazas ao entusiasmo e ás ganas de aprender de todos e todas, rematamos o curso con moitos experimentos ás nosas costas... e con aínda máis preguntas por responder.
Porque iso é a ciencia: observar, experimentar, sorprenderse e nunca deixar de aprender.
¡Ata o próximo curso, cheo de novos retos e aventuras científicas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario